CINTHYA MARTÍNEZ

Cando vas comprar unha camiseta ou un pantalón, fíxaste na súa etiqueta, verdade? Esta indica a talla ou incluso aspectos aos que prestamos menos atención, como onde se fabricou esa prenda de roupa ou os materiais dos que está feita. Probaches algunha vez a consultar a da auga mineral? Esta, tamén proporciona un montón de información sobre o que vas a beber: procedencia, características e composición.

Aínda que pareza imposible, non existen dúas augas iguais. «Proceden de acuíferos subterráneos e pasan por un proceso de mineralización que, ademais, fai que teñan a condición de recurso mineiro», explica Benigno Amor, xerente do Clúster de Auga Mineral e Termal de Galicia. Así, na nosa comunidade envásanse diferentes marcas de auga, como Agua Sana, Aquabona, Cabreiroá, Fontecelta, Mondariz, Sanxinés e Sousas. Mais a composición de cada unha das marcas é diferente. Por iso, se algunha vez lle dis a un compañeiro que «esta auga non sabe igual que aquela», que saibas que estás no certo.

Aínda que todas son diversas, si que existen uns parámetros comúns que podes comprobar revisando as súas etiquetas. Todas teñen na súa composición minerais como o calcio, o sodio, o potasio, o magnesio ou o litio. Segundo a cantidade destes na auga, esta pode ser de mineralización forte, media, débil ou moi débil.

Por iso, ao beber auga mineral, estamos aportando ao noso corpo elementos esenciais para a saúde. «É unha cousa que incluso a xente maior descoñece, que a auga mineral é un recurso mineiro por como se crea. Trátase de auga de choiva que se vai mineralizando ao seu paso polo subsolo», amplía Amor.

Ademais, outro dato importante é que as plantas industriais que se dedican a envasar esta auga deben estar localizadas xusto no manancial. De esta forma, en Galicia contamos con 300 mananciais e 10 plantas de envasado de auga mineral natural (das 80 que hai en toda España). Esta procedencia tamén a podes comprobar no reverso das botellas.

E si bebo da billa? Seguramente te preguntes en qué se diferenza da auga mineral. Esta última, ao ser saudable dende a súa orixe, non necesita nin recibe ningún tipo de tratamento químico nin microbiolóxico para o seu consumo, mentres que a auga corrente, a que sae da billa da cociña, si debe someterse obrigatoriamente a tratamentos de desinfección para garantir a súa seguridade alimentaria. Non obstante, podes estar tranquilo, xa que consumila vai facerlle moito ben á túa saúde. O experto en augas minerais e termais de Galicia puntualiza: «Hai que hidratarse, xa sexa ca auga da billa ou con auga mineral. Esta última é un produto alimentario que para nós é moito mellor, pero o importante é beber auga e sobre todo sen esperar a ter sede para evitar a deshidratación».


Información elaborada en colaboración coa Cámara Mineira de Galicia.

 

 

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies