Carlos Ocampo

O 26 de abril La Voz recordaba aos lectores que a sede da Real Academia Galega (RAG) está en obras de reforma, que terminarán na Semana Santa do vindeiro 2025. A institución considera que «no número 38-1.º da rúa Rego de Auga» estivo a súa primeira sede oficial, entre 1906 e 1920 (web da RAG). Ese ano, trasladouse ao edificio do Concello da Coruña, na praza de María Pita, onde estivo case sesenta anos.

En 1978 comezou a mudanza á rúa Tabernas, número 11, sede actual, un edificio que fora residencia da escritora Emilia Pardo Bazán. A historia do último cambio de domicilio comezara, non obstante, moito antes, en 1956. «La marquesa de Cavalcanti, doña Blanca Quiroga y Pardo Bazán, y su hermana política, doña Manuela Esteban Collantes, condesa de la Torre de Cela, han suscrito ayer en Madrid escritura de donación a la Real Academia Gallega de la casa de que ambas son propietarias en la calle de Tabernas de La Coruña, finca que perteneció a la condesa de Pardo Bazán y en la que ésta residió largos años» (La Voz, 5 de maio).

A RAG comparte espazo co museo dedicado á escritora, como quedou establecido no legado: «Según es deseo de las ilustres donantes, la casa será destinada a Museo que llevará por título Emilia Pardo Bazán, en recuerdo de su eximia ascendiente, y a sede de la docta corporación». A RAG foi encargada nese acto de «reunir y ordenar» o legado da condesa de Pardo Bazán, que foi presidenta honoraria da institución. Iso foi o que moveu ás súas fillas «a confiarle la honrosa misión de dar realidad al Museo que habrá de perpetuar su nombre esclarecido», baixo a esixencia da «constitución de un Patronato que habrá de atender la instalación y funcionamiento del Museo». Os anos de espera ata o cambio de sede explícanse por unha condición: «La posesión de la finca por la Academia no habrá de ser mientras vivan las generosas próceres».

Membros de honra

A Academia correspondeulles acordando nomealas, a elas e a «doña Gala Murguía de Castro, hija única superviviente de los esclarecidos Rosalía de Castro y Manuel Murguía,» membros de honra (31/5/1956). E o comprometido padroado do museo quedou constituído tres anos despois, nun acto que presidiron Blanca Quiroga e o daquela «presidente accidental» da Academia, Manuel Banet (La Voz, 26/9/1959). A outra filla de dona Emilia, Esteban Collantes, finara dous meses antes (10/7/1959).

A condesa de Cavalcanti faleceu o 2 de decembro de 1970. La Voz dá a noticia ao día seguinte e lembra que «la Academia entra en posesión automática de la mansión» da rúa Tabernas.

Un ano despois, «o señor Martínez-Risco mostrou aos académicos o anteproxecto da casa da rúa cruñesa de Tabernas, feito polo arquitecto don Andrés F. Albalat Lois», durante a sesión na que se decide dedicar o Día das Letras Galegas do ano seguinte a Lamas Carvajal (9/11/1971). As obras tardan dous anos en comezar (13/11/1973) e, con elas «prácticamente finalizadas», comeza o traslado dos bens en marzo de 1977.

A nova sede da Real Academia Galega, que levaba un ano funcionando, foi oficialmente inaugurada polos reis nun acto no que o rei Xoán Carlos I leu «un discurso, en castelán e galego, respostando ao que pronunciara o presidente da corporación, Domingo García-Sabell», no que dixo: «O idioma galego […] ben é merecente de todos os esforzos e de todos os sacrificios. Que os novos vieiros da Real Academia Galega arrequezan o seu labor e ilustren o seu porvir» (La Voz 23 de marzo de 1979).

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies