JESÚS GARRIDO

Fora na páxina 8 de La Voz de la Escuela do 16 de decembro do 2020. Prometeramos atender no posible ao estudo e desenvolvemento dos catro grandes temas que as Nacións Unidas (ONU) propoñen para este ano: economía creativa para o desenvolvemento sostible e as froitas e as verduras, que xa vimos en edicións anteriores, a eliminación do traballo infantil e o tema de hoxe: o Ano Internacional da Paz e a Confianza.

LECTURA

Imos pararnos na introdución do documento da declaración do Ano Internacional da Paz e a Confianza, fixándonos nesa lista oficial de xerundios e indicativos que xustifica a súa importancia.

En xeral, non o facemos nunca. Pero unha lectura intelixente, como corresponde á nosa calidade de alumnos que buscan aprender e saber por que se fan a cousas así, libéranos desa reacción indolente que se dá ante documentos oficiais nos que se xustifican obxectivos e programas de gran importancia.

Sóanche? Entendemos, valoramos esta linguaxe oficial? Comprobámolo?

■ Palabras claves: reafirmando, recoñecendo, destacando, alentando, declara, subliña, exhorta, invita, solicita, destaca…

Estas palabras claves pertencen ao estilo oficial, que dá entrada a todo o documento. Imos ver, aínda sen lelo, que contido corresponde a cada un destas dez entradiñas. A ver quen acerta de que ou de quen se falará en elas… reafirmando, recoñecendo, destacando, etcétera.

Actividade: Divididos en parellas, anotamos esas palabras da introdución… Quen acerta o que virá, por exemplo, detrás delas?

OBXECTIVOS

O entender a forma e contido do documento sérvenos tamén como amplo programa de estudo e acción inmediata na aula. Pero, sobre todo, xustifica, por exemplo, oito grandes obxectivos, que debemos ter en conta.

A) Compromiso de resolver as controversias por medios pacíficos.

B) Determinación de preservar ás xeracións vindeiras do flaxelo da guerra.

C) Fomentar as relacións de amizade entre as nacións.

D) Reforzar os tres alicerces: desenvolvemento sostible, paz e seguridade, dereitos humanos que se reforzan mutuamente.

E) Cultura da paz e a non violencia.

F) Promover e fortalecer a diplomacia preventiva, mediante o multilateralismo e o diálogo político.

G) Aceptar as diferenzas, ser capaces de escoitar, recoñecer, respectar e apreciar aos demais.

H) Vivir en paz e unidade

TEXTO PARA A REFLEXIÓN

Escribe e pregunta: como mantén a ONU a paz e a seguridade internacionais?

1. Diplomacia preventiva e mediación. O xeito máis efectivo de mitigar o sufrimento humano, os custos económicos e as secuelas dos conflitos é evitalos. Por ese motivo, as Nacións Unidas teñen un papel importante na prevención de conflitos, o uso da diplomacia, os bos oficios e a mediación. Os enviados especiais e as misións políticas sobre o terreo son algúns dos recursos para fomentar a paz.

2. Mantemento da paz. As operacións de mantemento da paz son un dos instrumentos máis efectivos para axudar aos países a facer a transición dun conflito á concordia. Na actualidade estas operacións teñen un carácter multidimensional, xa que tamén facilitan os procesos políticos, protexen aos civís e axudan no proceso de desarmamento, desmobilización e reintegración de ex combatentes.

3. Consolidación da paz. As actividades de consolidación da paz teñen por obxectivo axudar aos países e rexións nas súas transicións da guerra á paz, reducir o risco dun reinicio do conflito e sentar as bases dunha paz e un desenvolvemento duradeiro. Levan a cabo este labor a Comisión de Consolidación da Paz , o Fondo para a Consolidación da Paz e a Oficina de Apoio á Consolidación da Paz.

4. Loita contra o terrorismo. Cada vez máis, pídese ás Nacións Unidas que coordinen a loita mundial contra o terrorismo. Elaboráronse 18 instrumentos universais contra o terrorismo internacional no marco do sistema das Nacións Unidas en relación con actividades terroristas específicas. En setembro do 2006, os Estados membros acordaron un marco estratéxico e operacional común, que se plasmou na primeira Estratexia Global contra o Terrorismo.

5. Desarmamento. A Asemblea Xeral e outros órganos das Nacións Unidas, co apoio da Oficina de Asuntos de Desarmamento, traballan para promover a paz e a seguridade internacionais.

ACTIVIDADE

Escribe e pregunta: t.ly/OMtn

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies