
Prensa-Escuela é unha aposta de La Voz de Galicia (cabeceira líder en Galicia e sexta no ámbito nacional grazas aos seus 600.000 lectores diarios) para que o xornal chegue á escola e se converta nun importante elemento pedagóxico no proceso de aprendizaxe dos alumnos. O seu fin é que, a través das súas páxinas, os escolares desenvolvan o sentido crítico que lles axude a formarse como cidadáns dunha sociedade plural e democrática. Pero o programa que desenvolve a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, institución que leva o nome do presidente e editor do xornal, quere ir máis aló e, ademais de facilitar o acceso da comunidade escolar aos medios de comunicación tradicionais, introducilos no uso construtivo das novas tecnoloxías, de forma que profesores e alumnos coñezan, dunha forma amena e clara, cales son as súas múltiples posibilidades.
Para desenvolver este proxecto, Prensa-Escuela conta coa participación da Obra Social de Novacaixagalicia e dun bo número de colaboradores, pedagogos, científicos e xornalistas que cada día achegan a súa profesionalidade e a súa ilusión para que os 38.146 alumnos e máis de un millar de profesores de 550 centros educativos que participan nesta iniciativa se apaixonen coa información e a comunicación.
Para iso, pon a disposición das aulas exemplares do xornal: un suplemento semanal, La Voz de la Escuela; unha páxina web; cursos para que os profesores aprendan a utilizar o diario en clase e talleres de novas tecnoloxías; concursos para que os alumnos aprendan a exercer de xornalistas e para incentivar aos docentes nos seus proxectos pedagóxicos, e blogs, para que os escolares creen o seu propio soporte en Internet. La Voz de Galicia tamén abre as súas portas para que a comunidade escolar coñeza as súas instalacións.
Contacto:
Teléfono de información xeral: 902 103 156
Correo: prensa-escuela@lavoz.es