
La Voz de Galicia presentou onte na sede coruñesa da Real Academia Galega o volume co que tradicionalmente se suma á celebración do Día das Letras, e que este ano honra á figura de Valentín Paz Andrade. Unha conmemoración que neste 2012 festexa ademais o seu cincuenta aniversario, dende que naceu en 1963, dedicado a Rosalía de Castro. Neste tempo, son 50 os autores homenaxeados, “cincuenta chanzos magnificos na escaleira que leva a Galicia á universalidade”, en palabras do director de La Voz, Xosé Luis Vilela. Ata cincuenta facetas tamén se poderían citar de Paz Andrade, das que Vilela subliñou o desempeño de xornalismo por “un autor que tanto influíu no despegue de Galicia”.
O presidente da Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín, destacou así mesmo esa multiplicidade de facianas do homenaxeado: ”Paz Andrade entrou como empresario, pero sairá como o que era, un gran poeta, un soñador que puxo os ladrillos da Galicia real contemporánea, con ideas económicas, pero que tamén eran políticas”.
Nesta tarefa constructora de Paz Andrade desempeñou un papel clave o xornalismo, segundo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, quen definiu o xornalismo como “compañeiro inseparable da recuperación da conciencia galega”. Feijoo destacou como se exerceu con “enerxía e audacia, mais tamén con elegancia intelectual, que non busca vencer, senón convencer”. O presidente gabou tamén a capacidade de Paz Andrade para emocionar coas súas palabras e, a o mesmo tempo, como home de empresa que era, “avalar esa emoción con datos e propostas para contribuír á auténtica transformación do país”.
A ese poder transformador do xornalismo tamén se referiu o alcalde da Coruña, Carlos Negreira, quen concretou no xénero do editorial a capacidade para “crear debate, que a sua vez crea criterio”.
ACTIVIDADES
1. Na noticia de hoxe hai moitos personaxes, pero imos fixarnos tan só en catro: A Real Academia Galega, o Día das Letras Galegas, Valentín Paz Andrade e Rosalía de Castro.
2. Todos os centros escolares celebran hoxe a véspera do gran día das nosas letras. Mañá seguirémolo celebrando coa familia e os amigos.
3. Ademais de visitar detidamente os enlaces aos personaxes citados, non deixes de ler hoxe La Voz de la Escuela.
4. Felices días.